Os nenos e nenas de primaria saben que non só se aprende no cole. Unha forma moi divertida de aprender é saíndo ao contorno próximo, ou non tan próximo, a coñecer mundo e vivir experiencias inesquecibles cos compañeiros/as e mestres.
O alumnado do primeiro ciclo visitou os Muíños de Barosa, un entorno natural privilexiado do que gozaron ao mesmo tempo que aprenderon a facer pan e viron de primeira man o interior dun muíño e o seu funcionamento.
Os do segundo ciclo foron ao Museo Arqueolóxico de Santa Tegra e pasearon polo castro imaxinando como era a vida dos habitantes deste lugar. Aínda que o tempo non os acompañou e tiveron que modificar algúns plans, como a visita á Carabela Pinta en Baiona, aprenderon moitas cousas e pasaron un día estupendo na compañía de amigos e amigas.
Os alumnos e alumnas de 5º desprazáronse ata Lalín, pasaron 3 días en Mouriscade. Aínda que tamén a choiva se apuntou, non lles impediu gozar dunha andaina pola zona e de tempo de convivencia entre eles.
Por último, os maiores do cole, como cada ano, viaxaron a Madrid. Unha excursión memorable na que se aprende moitísimo e que quedará na súa memoria para o resto das súas vidas.
Premede na seguinte fotografía para ver algunhas imaxes de todas estas saídas.